Sobre min, psicóloga sanitaria en Lugo
Son Lucía, psicóloga sanitaria, con experiencia en psicoterapia con adultos e poboación infanto-xuvenil.
A terapia, un proceso de cambio
Para min, a terapia é un proceso de cambio e crecemento: un tempo para parar, mirar para dentro, escoitarte e comprender mellor o que estás a vivir. Un espazo para aprender de novo patróns que quizais antes che servían, pero que agora quedaron obsoletos.
Ao longo da nosa vida pode haber momentos nos que nos sintamos desbordados/as, paralizados/as ou confusos/as, cun malestar que custa manexar. Ás veces sabemos que nos ocorre; outras, necesitamos máis tempo e acompañamento para darlle sentido e afrontalo doutra maneira.
E non: pedir axuda non é un signo de debilidade. Darte conta de que a necesitas e dar o paso é, máis ben, unha das decisións máis valentes e intelixentes que podes tomar. A vulnerabilidade e a fortaleza poden convivir; unha non anula a outra.
Un espazo seguro, libre de xuízos
Na terapia podes atopar un espazo onde sentirte escoitado/a e comprendido/a, con atención aos teus ritmos e ás túas necesidades. Un espazo onde poder SER, libre de xuízos.
«Cuando ya no podemos cambiar una situación, tenemos el desafío de cambiarnos a nosotros mismos».

Psicóloga sanitaria · Col. G-5670 · NRS C-27-001539
Formación
A miña formación
Unha base académica sólida e formación continua nas áreas que máis me interesan.
- Psicóloga sanitaria colexiadaNº G-5670
- Número de rexistro sanitarioC-27-001539
- Universidade Complutense de MadridGraduada en Psicoloxía e Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria
"Conozca todas las teorías. Domine todas las técnicas, pero al tocar un alma humana, sea apenas otra alma humana"
Especialización
Son experta en procesos de duelo, incluído o duelo perinatal, con formación específica en psicoloxía perinatal e nos aspectos psicoafectivos da concepción, o embarazo, o parto, o posparto e a crianza temperá.
Formeime en trauma e apego, o que me permite mirar con sensibilidade as experiencias vividas e os vínculos que cada persoa construíu, e comprender como inflúen na súa maneira de sentir, relacionarse e afrontar as dificultades actuais.
O meu interese pola familia e polas dinámicas relacionais levoume a formarme en terapia familiar sistémica, complementada con disciplina positiva na familia e un máster en psicoterapia infanto-xuvenil.
Formación complementaria
Outras formacións e cursos que realicei:
- EMDR Nivel I
- Abordaxe do Estrés Postraumático
- Psicoterapia en Trauma Relacional
- Dependencia Emocional en Psicoterapia
- Identificación e Abordaxe das Defensas en Psicoterapia
- Abordaxe transdiagnóstica da Imaxe Corporal
Método
Como traballo
Un enfoque integrador, próximo e adaptado a cada persoa.
Traballo desde un enfoque integrador e informado en trauma. Entendo que cada persoa é única e teño en conta a súa historia, os seus vínculos, as súas experiencias e o contexto vital no que se atopa.
Adapto o acompañamento ás necesidades individuais e respecto os tempos, favorecendo un vínculo e un espazo seguros onde poidas sentirte e comprender o que che ocorre, explorar as túas dificultades, recursos e fortalezas, e desenvolver novas estratexias. Ademais de atender aos síntomas que che traen á consulta, afondamos na súa raíz para unha sanación real e duradeira.
Actualmente centro o meu traballo na atención a adolescentes e adultos en formato individual, tanto presencial como en liña.
Considero que son unha persoa comprometida co coidado da saúde mental: a formación continua, a supervisión e o traballo persoal son parte esencial da miña práctica. Axúdanme a seguir aprendendo e a tomar conciencia de como a miña propia historia e as miñas emocións poden estar presentes no encontro terapéutico.
